volume 1 2015 | Page 3

Editorial

Neste ano 2015 cúmplense 25 anos da inauguración do colexio Portofaro. Se ben nun principio era o segundo edificio do colexio do Graxal acollendo ao alumnado de 3º a 8º co paso do tempo, a lóxica e a necesidade se impuxeron, e ambos pasaron a ser colexios independentes no 2004 coa denominación de Graxal e Graxal II e un pouco máis tarde, no ano 2005 solicitouse o nome definitivo: CEIP Portofaro.

Cremos que este aniversario é un bo momento para lembrar a orixe do nome do centro. Consecuentes coa ubicación e a historia quíxose facer referencia á estratéxica importancia que tivo a zona na Idade Media, chegando a ser unha das vilas máis importantes de Galicia. A instalación dunha bailía templaria (igrexa do Temple) e a creación dun importante mercado na zona da ponte deron como resultado a aparición desta vila “Burgo de Faro” e con ela a dun importante porto de abrigo tanto para mercadorías como de peregrinaxe. Esta característica foi a que levou a escoller o nome actual do noso centro: Portofaro

E parafraseando ao lema templario, hoxe “non é para nós” . Esta invitación é para vós que participastes dunha maneira ou outra nos 25 anos de historia que cumple este centro educativo. Alumnas e alumnos, profesoras e profesores, autoridades, non docentes, … tamén é voso porque da vosa vida formou parte.

Uns máis e outros menos, todos os que pasastes por aquí, deixastes algo de vós mesmos e conservades seguramente recordos de todo tipo.

Con esta revista pretendemos facer un breve resumo do que foi a conmemoración do noso 25º aniversario así como as festas e conmemoracións deste curso.