DON MOUCHO XUÑO 2017 Don Moucho Xuño 2017 ok | Page 2

Este curso que estamos a piques de rematar vai deixar unha pegada grande no noso corazón. Tivemos a oportunidade, ao longo do mesmo, de achegarnos a un río do que estamos a un pasiño, pero que era case invisible para moitos de nós. Dende agora “ese río”- o noso Pai Miño- vai formar parte das nosas vidas e das nosas experiencias de cativos e maiores,… el mesmo e moitos outros ríos pequechos (e non tan pequechos) que o acompañan na súa viaxe dende Irimia en Lugo ata a Guarda. De vagariño, fomos descubrindo as pequenas cousas que garda no seu interior… -Os seres vivos do río e das súas beiras (os que andan e os que voan; os que nadan; os que o desfrutan de día e tamén nas súas noites) -As mil e unha facianas das súas augas (termas naturais, fontes, arroios, fervenzas, lagoas,…). -Os caprichos que a terra forma no seu percorrido (os esteiros, os meandros, os canóns, as illas,…) - As cidades, as vilas e poboadores que medraron e medran aquí e aló. - A cultura e a arte que se miraron no seu espello ao longo dos séculos; as lendas que xurdiron das súas augas; as palabras que uns e outros, escritores e poetas, lle adicaron e aquelas que o río inspirou. - O aproveitamento, unha veces bó e outras non tanto, que mulleres e homes fixeron dende onte a hoxe. - Os roteiros turísticos ( naturais, deportivos, termais, artísticos); as andainas a pé, en tren, en barco…que nos axudan a desfrutar. Botamos unha pequena ollada no seu fondo e, despois de todo o aprendido e vivido, dámonos de conta de que só nos achegamos a unha parte moi pequena do mesmo; que aínda temos moito por descubrir. O verán está aí ofrecéndonos unha oportunidade única…témolo tan preto!. É a vosa quenda; todos vós, que tanto e tanto colaborastes no desenvolvemento deste proxecto, tedes agora a oportunidade de coñecelo mellor, a el e as terras que rega, e facelo un pouco máis noso e voso. E con el a toda a nosa terra galega. Boas andanzas, pero…ide a modiño! Agardámosvos á volta con máis gañas de seguir aprendendo e desfrutando. 2